O Covid-19 cambiou a forma de vida de todo o mundo, incluso a vida das revistas e dos xornais. Quen llo ía dicir! Non teñen que levar máscara, nin cumprir horarios, pero a súa vida e a súa relación cos humanos non é a mesma dende o inicio desta pandemia. Había anos que se predicía un cambio nos hábitos de lectura da xente. Coa chegada dos lectores dixitais a principios do século XX había quen aseguraba que os libros, as revistas e os xornais en papel tiñan os días contados, e que nunca máis estarían nas mans das persoas, e a súa vida cambiaría para sempre, pero a realidade desmentíao un ano tras outro e vinte anos despois as publicacións en papel seguían presentes por todas partes: casas, librarías, quioscos, cafeterías, escolas, etc. Ata a chegada deste maldito coronavirus, claro! O Covid-19 cambiouno todo.
Durante estes meses de restricións e confinamentos a merca de tabletas, ordenadores portátiles, e outros dispositivos electrónicos medrou cerca dun 15% e isto, xunto coas dificultades para compartir as publicacións en papel, propiciou que os lectores de revistas e xornais en formato dixital aumentasen en case un millón en moi pouco tempo, segundo a Asociación para a investigación de Medios de Comunicación https://www.aimc.es
O Papagaio https://www.opapagaio.gal tampouco escapou destes cambios e os subscritores e subscritoras que demandan a revista en formato dixital aumentaron nun 40% con respecto a anos anteriores. Cada vez son máis os centros educativos e bibliotecas que poñen a revista nas súas plataformas dixitais a disposición do alumnado e cidadáns. E cada vez son máis os particulares e asociacións que se interesan pola modalidade de subscrición só en formato dixital.
Non sabemos se este novo hábito de lectura da xente permanecerá ou mudará outra vez cando volvamos á normalidade, pero o certo é que este cambio de hábitos, permitíu a revistas como O Papagaio chegar a moitos máis lectores e lectoras, de todos os lugares do mundo: Portugal, Arxentina, Brasil, México, Bélxica…. e dar a coñecer os seus contidos a moitas máis persoas, algo que co papel sería extremadamente complicado e custoso.
Coa dixitalización redúcense os custos de produción das revistas e xornais. Evítase a impresión, o transporte e a distribucion mediante correo postal. Isto permite vendelas máis baratas e facelas máis accesibles. Nunca choveu que non escampase!
Claro que non é comparable ollar unha revista nun dispositivo electrónico que en papel. Non é nin mellor, nin peor, é diferente. Como todo na vida depende dos gustos de cada persoa e o uso que lle queira dar. O pracer para o sentido do tacto que proporcionan os diferentes tipos de papel non o pode suplir unha pantalla, pero tampouco o papel pode viaxar de Galicia a América nun segundo. Quizais estaría ben saber como lles gustaría ás revistas e aos xornais ser lidos. Habería que preguntarllo algún día. Veremos que lles depara a vida no futuro a estas publicacións. Mais o importante é que continúen existindo!
Comentarios recentes