Cada mes de marzo O Papagaio pinta a súa cabeceira de cor violeta, en honra ao Día Internacional da Muller. Pero este xesto simbólico é só un máis de entre todos os que facemos durante o ano, ao longo das diferentes páxinas da revista. O Papagaio está comprometido coa loita das mulleres e o movemento feminista, como di a canción One Woman, feita por artistas de diferentes países, todo o mundo debe ser partícipe e axudar para conseguir un mundo igual entre homes e mulleres.

O 8 de marzo, Día Internacional da Muller, serve para visivilizar as reclamacións das mulleres de todos os continentes do planeta, que enchen as rúas para reivindicar os seus dereitos. Este día ten a súa orixe nas primeiras folgas feitas polas traballadoras das fábricas dos EE.UU, a mediados do século XIX. Reclamaban os mesmos dereitos que os homes, unha redución da xornada laboral e a fin do traballo infantil. Entre tanto, aquí, mulleres como as galegas Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal, Maruja Mallo, Rosalía de Castro e moitas outras mulleres anónimas, tampouco permaneceron quietas e foron precursoras do movemento feminista en Europa. Grazas ás súas loitas e desacatos, na actualidade, as mulleres galegas poden votar, ir á universidade, ou simplemente vestir pantalóns. Pero queda moito por facer! Aínda hoxe, o 75% dos gobernantes do mundo son homes (segundo a ONU, a este ritmo, esta porcentaxe non se conseguirá igualar ata dentro de 130 anos, polo menos), as mulleres tamén ocupan peores traballos que os homes, cobran menos diñeiro que eles por desempeñar a mesma función nas empresas e moitas delas son asesinadas por homes cada ano. Estas son só algunhas das moitas inxustizas que viven as mulleres a diario, en pleno século XXI. Se Pepa a Loba levantase a cabeza…

Por todo isto, O Papagaio está comprometido con esta causa e fará o posible por axudar a que as futuras xeracións vivan en igualdade. Dende os medios escritos, sobre todo dende as revistas infantís e xuvenís como a nosa, podemos facer un traballo moi importante para difundir unha mensaxe de igualdade e concienciar a infancia e a xuventude.

Para conseguilo, no Papagaio empregamos unha linguaxe inclusiva e non sexista e, a través das nosas entrevistas e reportaxes mensuais, damos voz a mulleres de todos os campos: deporte, ciencia, cultura, aventura… Tamén resaltamos mulleres que nos asesoran nos contidos das distintas seccións da revista e ás escritoras e ilustradoras que colaboran ou colaboraron connosco como Bea Lema (@bea.lema), Montse Piñeiro (@montsepinheiro), Ro Ledesma (@roledesma), Anémona de Río (@anemonaderio), Natalia Umpiérrez (@natalia_umpierrez), María Lema, Paula Carballeira, Emma Pedreira (@emmapedreira), Yolanda Castaño (@castano_yolanda), Fina Casalderrey, Rosa Aneiros, Paloma Morán e moitas máis, que aportan e aportaron a súa visión feminina sobre os diferentes temas que tratamos. 

Queremos que os nenos e as nenas coñezan todo o que fan as mulleres no mundo e a súa importancia e valor na sociedade, desta maneira medrarán sabendo que somos iguais e que temos as mesmas capacidades, ou distintas, pero en ningún caso un sexo é supeiror ao outro. Viva as mulleres e as papagaias!